domingo, 10 de abril de 2011

Como nace un proxecto

Noutra bitácora miña, comentaba que colaboro nuns proxectos que non me deixan tempo para gozar do verán en Caión. Nesta entrada vou describir as dúas iniciativas nas que participo.

O primeiro deles xurdiu como unha proposta de Tashi Chering, un guía e montañeiro de Gulabgarh, unha vila pequena situada no estado de J&K, na India. Eu coñecín a Tashi na expedición que fixemos un grupo de amigos no ano 2007 ao val de Spiti. Propúxome traballar como profesora de inglés voluntaria nun colexio da súa vila durante un mes. Aceptei, e así foi como pasei as miñas vacacións do verán pasado. A miña experiencia, a convivencia coa xente dese lugar foi marabillosa.
Cando marchaba da vila, pensei que non só precisaban axuda os nenos e nenas de Gulabgarh, senón que tamén as súas nais merecían que alguén fixese un esforzo por elas xa que elas esfórzanse por asegurar que os seus fillos e fillas reciban a formación que elas nunca tiveron. Comenteino con Tashi e xurdiu a idea de comezar un proxecto de alfabetización das mulleres do lugar, pois a gran maioría dos pais e nais dos meus alumnos eran analfabetos e as mulleres, como é de imaxinar, son as máis desfavorecidas.
Foi unha sorte poder contar cunha persoa de confianza en Gulabgarh que se entusiasmase coa idea. Agora Tashi Chering dirixe o proxecto, que comezou cunhas 25 alumnas en novembro do 2010. Grazas á contribución dunha profesora da EOI de Santiago e de varios amigos e coñecidos, púidose alugar un local, contratar a unha mestra e mercar o material necesario para que as mulleres poidan comezar a aprender. Hai pouco, outra contribución do claustro da mesma EOI axudou a que as clases continuasen uns meses máis. Estou moi ilusionada pero máis o están as mulleres de Gulabgarh e tamén tremendamente agradecidas. Agora o importante é que esta iniciativa teña continuidade.
Para máis información, pode contactar comigo ou con Tashi Chering, a través da súa web lonpoadventures.com