sábado, 17 de março de 2012

Unha nota de agradecemento


Recentemente estivemos en Santiago de Compostela con Fernando Ojea, un dos nosos patrocinadores, para concederlle a khata ou hada (pano de seda de tradición tibetana) en agradecemento pola súa xenerosa contribución ao noso proxecto. Aproveitamos a ocasión para poñelo ao día sobre os progresos do WLP durante os últimos meses.
O feito de que contemos con persoas como Fernando demostra que o WLP logrou impulsar a participación activa de cidadáns máis alá das fronteiras da India.
Os nosos colaboradores entenden que é fundamental unir esforzos para axudar a resolver este problema global que tanto afecta á India, unha das economías emerxentes máis importantes e poboadas do mundo. Non pode haber desenvolvemento sen alfabetización, nin crecemento sen a participación activa dos cidadáns sen importar o seu xénero, nin esperanza sen o desenvolvemento persoal da poboación feminina.
Para os que traballamos polo WLP, os seus benefactores non son anónimos, aínda que algúns prefiran permanecer así. É certo que o proxecto está crecendo e que os seus patrocinadores aínda son unha minoría. Por iso, polo de agora resulta sinxelo levar conta dos individuos que contribuíron aos logros das nosas alumnas, así como á continuidade do proxecto. Sen embargo, aínda cando alcancemos cifras importantes de participación, intentaremos agradecer persoalmente o esforzo que cada un dos colaboradores realice por levar adiante esta inciativa de educación.
Grazas Fernando por crer no Proxecto de alfabetización das mulleres de Gulabgarh, por comprometerte coa súa causa e por confiar nos seus esforzos.

terça-feira, 13 de março de 2012

Desenvolvemento inclusivo nas economías emerxentes

Aínda que non é moi recente, non deixa de ser interesante a entrevista con Chanda Kochhar, a directora de ICICI, o banco privado máis importante da India.

Segundo Chanda Kochhar, a concienciación sobre o concepto de "neutralidade de xénero" é cada vez maior nas economías emerxentes como a India, onde o aumento das oportunidades de crecemento supuxo un incremento das oportunidades para as mulleres destes países.

É interesante tamén ver que certos aspectos da cultura tradicional poden coexistir con este novo desenvolvemento económico e incluso axudar a que mulleres e homes traballen máis e mellor xuntos. 

Imaxinemos o que se poderá lograr cando a India chegue ao 100% de alfabetización!

Entrevista en inglés:

domingo, 11 de março de 2012

A nosa nova páxina na web do Día Internacional da Muller (IWD)


 O WLP acaba de crear unha páxina no web dedicado ao Día Internacional da Muller. Como a loita do WLP pola alfabetización feminina non se limita ao día 8 de marzo, pensamos que, aínda que a nova non fose xa tan nova, deberíamos igualmente compartila cos nosos seguidores. Pódese visitar a nosa páxina aquí: http://www.internationalwomensday.com/womensliteracy
Ademais, estamos seguros de que gozarán da presentación creada por Thomson Reuters con motivo da ocasión do Día Internacional da Muller 2012. Son imaxes extraordinarias que captan as vidas de mulleres excepcionais de todo o mundo.

Estatutos do WLP


Os membros do proxecto están redactando, e a piques de rematar, os estatutos do WLP. Entre outros obxectivos, a organización propón desenvolver actividades e deseñar accións conducentes a incentivar, motivar e axudar ás mulleres analfabetas das zonas máis remotas e desfavorecidas de Paddar.
Para acadar os seus obxectivos, o WLP vai centrar os seus esforzos en transformar a actitude da comunidade de Paddar dende o simple recoñecemento deste problema fundamental, cara o seu compromiso na loita contra o analfabetismo feminino e, finalmente, cara a adopción dun papel máis proactivo neste esforzo.
Apoiar á poboación feminina para que comecen un proceso de aprendizaxe que continúe ao longo da súa vida é outro tema clave que o WLP desexa abordar.
No futuro, o proxecto seguirá esforzándose para apoderar as mulleres desta zona rural a través da alfabetización dixital e así reducir as desigualdades por razón de sexo. O WLP cre firmemente que, ao equipar a esta poboación feminina coas competencias necesarias para acadar a alfabetización dixital, contribuirá a reducir a grande fractura dixital existente entre as zonas urbanas e rurais da India.