sábado, 18 de agosto de 2012

A miña visita á aula de Gulabgarh


A espera foi longa pero por fin conseguimos publicar este vídeo da visita que fixen á aula do proxecto de alfabetización, onde puiden observar de primeira man os avances que estaban a facer as alumnas desta iniciativa.

Estiven encantada e ata me emocionei ao ver que este grupo de mulleres estaba por fin facendo algo por elas mesmas, aínda que iso as obrigase a conciliar as clases con outras tarefas, como atender os seus netos ou fillos. As mulleres nunca deixan de coidar dos demais, a maior parte das veces esquecendo coidar de si mesmas. Non podo deixar de sentir un grande entusiasmo por este proxecto e estou convencida de que os nosos esforzos van lograr que as mulleres aprendan a ler e a escribir. Con isto conseguirase que aumente a súa auto estima e con iso a súa independencia e participación na toma das decisións importantes que afectan á súa familia e, con sorte, á sociedade da cal forman parte.

Por iso cremos que os cambios que se produzan nelas van redundar non só no seu beneficio, senón tamén no seo das súas familias e da súa comunidade. Foi un verdadeiro pracer compartir este curto espazo de tempo con elas e de paso, corrixir os cadernos!

Parabéns para estas loitadoras – as alumnas do Proxecto de Alfabetización das Mulleres de Gulabgarh!

sábado, 11 de agosto de 2012

Revolucionando valores “de moda”



É un pracer volver despois dun pequeno descanso para compartir esta interesante entrevista a unha deseñadora de moda que promove o consumo responsable a través das súas coleccións de prendas elaboradas por artesáns da India e de España.
Kavita Parmar é unha deseñadora do norte da India, afincada agora en Madrid. Creou a marca IOU que comercializa prendas únicas e cosmopolitas - fermosamente elaboradas de xeito artesanal. IOU intenta conecta a prenda co artesán a través do que eles chaman "cadea da prosperidade", promovendo desta forma, un consumo responsable.
Kavita proporciona traballo a varias cooperativas indias. "Usando a tecnoloxía, conectamos o consumidor co artesán, para volver traer a conexión emocional co que consumimos... promover o consumo responsable porque unha vez que unha persoa sabe o que vai detrás de facer esa prenda, evalúalo máis".
Para Kavita, a India sempre é como un empezar de cero porque sempre todo é posible. E logo está esta incrible proxección de cores, de olores, é intenso... a India ataca todas as túas sensacións... é marabilloso... faite volver sentir..."
Son mulleres incribles capaces de crear iniciativas sorprendentes
que ofrecen un valor humano engadido.