quinta-feira, 25 de julho de 2013

Un relato da miña interacción co Proxecto de Alfabetización de Mulleres por Alessandro Bordoli


Non tiven a oportunidade de impartir aulas ás mulleres participantes no Proxecto de alfabetización (Women’s Literacy Project), mais si tiven o enorme pracer de coñecelas durante unha comida que organizaron no bosque de Gulabgarh, o venres antes da miña partida. Senteime con elas durante bastante tempo e, aínda que existía unha evidente barreira lingüística, de algún xeito conseguimos comunicármonos.
Unha das mulleres, coa axuda dunha profesora que nos acompañaba, díxome que o que máis lle gustaría no mundo sería poder comunicarse comigo, expresar o seu sentir e falarme da súa vila, da súa vida e do seu desexo de aprender a ler e a escribir, algo que por desgracia non fora quen de facer. Ese foi un momento conmovedor para min e un que xamais esquecerei.
As mulleres expresáronme o seu agradecemento pola miña visita á vila e a súa acollida agarimosa fixo que me sentise como se estivera na miña casa. Estas alumnas comprácense da súa cultura, pero amosan un forte desexo de continuar cos seus estudos no futuro coa esperanza de poder acadar a alfabetización básica. As súas historias conmovéronme e a súa dedicación e a súa tenacidade fixeron que me entusiasmase cos grandes avances acadados polo Proxecto de alfabetización de Gulabgarh. É unha organización consagrada, fundamentalmente, a mellorar as condicións de vida destas mulleres e agradézolles a Mari, Andrea e Tashi que me deixaran participar aínda que só fose timidamente ao principio, nun proxecto tan decisivo. Estou convencido de que a educación abre portas e ventás a novas oportunidades dun xeito que outras cousas non conseguirían nunca e penso que isto é especialmente evidente na educación da muller, que ten un efecto profundo sobre toda a comunidade. A oportunidade que se me presentou de ver como funciona e como progresa este proxecto educativo, aínda que só fose durante unha semana, foi o momento culminante da miña viaxe á India.

sexta-feira, 19 de julho de 2013

Unha descrición do meu traballo na Escola Cultural Himalaia


Traballei no centro educativo Himalayan Cultural School durante unicamente tres días: martes, mércores e xoves. De novo, sen embargo, a experiencia deixou en min unha pegada indelébel. Tiven a oportunidade de traballar con diferentes grupos de nenos e nenas e polo tanto de interactuar con rapaces dun amplo abano de idades, dende os moi pequenos, que tiñan moi pouca experiencia como aprendices de inglés, até os maiores, que estudaran a lingua durante anos. Os nenos estaban sumamente agradecidos porque eu viaxara até alí para darlles clase.

Nas miñas clases intentei usar actividades ás que quizais non estaban acostumados, sacándolles do seu ambiente de confort e motivándoos a interactuar coa lingua inglesa de maneira distinta: a través do traballo en grupo, falando diante dos seus compañeiros, facendo presentacións para o resto da clase, expresándose tamén por escrito a través de redaccións curtas, etc.

A experiencia foi tremendamente satisfactoria e incluso despois deses escasos tres días, percibín que estaba tendo certo impacto sobre o alumnado. Respondían moi ben aos meus desafíos, aínda que con certo receo inicial, como era de esperar, e creo que gozaron realmente das clases.

Foi entre clase e clase, cando me sentaba a falar cos raparigos como amigo e non unicamente como profesor, cando observei que a comunicación melloraba aínda máis. Os nenos e nenas tiñan verdadeiro interese por coñecer detalles sobre a miña vida: de onde viña, como era a miña familia, que facía para divertirme. Tamén intentaron aprenderme cousas sobre a súa propia cultura e presentarme como é a súa vida en Gulabgarh. Compracíanse da súa vila e do fermoso contorno e aprendín bastante sobre o lugar grazas a todos eles. As súas ambicións e a súa vitalidade proporcionáronme unha motivación mais para volver á zona nun futuro próximo e así seguir contribuíndo á súa formación.