sexta-feira, 17 de outubro de 2014

Alimentar o liderado

Buscamos líderes entre as mulleres de Gulabgarh. Precisamos mulleres (e nenas) con capacidade de liderado e que sirvan de inspiración a outras: mulleres capaces de demostrar o que progresaron grazas á alfabetización. O potencial para o liderado está aí; só é cuestión de sementalo, cultivalo e finalmente repartir os froitos dese esforzo.

sábado, 11 de outubro de 2014

"Non é páis para mulleres"

O documental español titulado "Non é país para mulleres", de Jon Sistiaga, retrata a discriminación de xénero na India e ofrece testemuñas conmovedoras sobre as situacións que sofren tantas mulleres indias a diario.

Preme aquí para escoitar a reportaxe "Ser mujer en la India", da Cadena Ser, con Jon Sistiaga e Sonia Ballesteros.


Quedámonos coas palabras positivas dun dos comentaristas da Cadena Ser que di que a "India tomou xa un camiño indubidable de modernidade e de igualdade entre os xéneros e que vai ser imparable. …hai un país que se puxo en marcha e que se puxo en marcha con mulleres con moita forza". (min. 37:00). Coma él, nós tamén somos optimistas.

terça-feira, 16 de setembro de 2014

Papeleo


Lembro o consello que recibía dun amigo cando ía facer a miña primeira viaxe á India:  “Asegúrate de levar un libro sempre contigo porque vas ter que esperar moito e en moitos lugares a que as cousas sigan o seu curso. Así, mentres esperas, podes sentarte tranquilamente a ler.” Estou segura de que, entre outras cosas, estaba a referirse á burocracia e, de ser así, podería dicir o mesmo de outros moitos países, incluída España.

Todo isto ven a colación porque seguimos esperando, despois de varios anos, pola resposta das autoridades indias sobre o rexistro oficial da nosa organización. Cruzamos dedos e dedas para que o proceso conclúa o antes posible, xa que ese recoñecemento traería sen dúbida cambios positivos e moitas máis oportunidades de financiamento.

Finalmente, queremos agradecer a paciencia dos nosos seguidores. Somos conscientes de que tardamos moito en actualizar o noso blog; seguramente houbo alguén que creu que desaparecera o WLP. Ben, pois non desapareceu. É máis, sentimos o mesmo entusiasmo pola nosa causa e seguimos traballando duramente para conseguir que os nosos obxectivos sexan unha realidade.

sexta-feira, 3 de janeiro de 2014

Entrevista a Fernando Ojea


Fernando Ojea, un dos nosos grandes admiradores, accedeu a unha entrevista na que explica o que o motivou a cooperar co noso proxecto. Aquí están as súas respostas. Grazas pola túa inestimable axuda, Fernando!

1. Como soubeches do proxecto de alfabetización das mulleres de Gulabgarh?
Unha amiga miña, Carmen de la Fuente, participa no proxecto e faloume del. A partir dese momento, seguín as súas viaxes á India e o seu traballo como colaboradora desde Galicia.

2. Por que estás cooperando con esta organización? Por que cres que os seus obxectivos son tan importantes? 
Sei por Carmen que o WLP está en boas mans e que toda axuda é benvida e o compromiso de Carmen é para min unha testemuña diso. É unha mágoa que as mulleres de algunhas zonas esquecidas do mundo só cumpren un rol menor na sociedade e que o analfabetismo sexa un dos motivos disto. Teñen dereito a desenvolverse intelectualmente e o WLP intenta promover ese desenvolvemento.


3. Até que punto é importante a alfabetización feminina? Por que?
É fundamental que desapareza o analfabetismo e que as mulleres de todo o mundo teñan acceso a la cultura nun ambiente de igualdade de oportunidades.

4. ¿Como crees que esta iniciativa (ou outras similares) pode axudar ás mulleres da India e do mundo?
O traballo de campo é crucial para transformar mentalidades, especialmente en lugares afastados como estes da India. O traballo continuado e permanente nesas zonas vai traer sen dúbida bos resultados a medida que máis e máis mulleres saiban ler e escribir e estean mellor informadas sobre a súa condición e o contexto no que se desenvolven. Será entón cando o seu progreso como cidadáns se materialice.

quinta-feira, 25 de julho de 2013

Un relato da miña interacción co Proxecto de Alfabetización de Mulleres por Alessandro Bordoli


Non tiven a oportunidade de impartir aulas ás mulleres participantes no Proxecto de alfabetización (Women’s Literacy Project), mais si tiven o enorme pracer de coñecelas durante unha comida que organizaron no bosque de Gulabgarh, o venres antes da miña partida. Senteime con elas durante bastante tempo e, aínda que existía unha evidente barreira lingüística, de algún xeito conseguimos comunicármonos.
Unha das mulleres, coa axuda dunha profesora que nos acompañaba, díxome que o que máis lle gustaría no mundo sería poder comunicarse comigo, expresar o seu sentir e falarme da súa vila, da súa vida e do seu desexo de aprender a ler e a escribir, algo que por desgracia non fora quen de facer. Ese foi un momento conmovedor para min e un que xamais esquecerei.
As mulleres expresáronme o seu agradecemento pola miña visita á vila e a súa acollida agarimosa fixo que me sentise como se estivera na miña casa. Estas alumnas comprácense da súa cultura, pero amosan un forte desexo de continuar cos seus estudos no futuro coa esperanza de poder acadar a alfabetización básica. As súas historias conmovéronme e a súa dedicación e a súa tenacidade fixeron que me entusiasmase cos grandes avances acadados polo Proxecto de alfabetización de Gulabgarh. É unha organización consagrada, fundamentalmente, a mellorar as condicións de vida destas mulleres e agradézolles a Mari, Andrea e Tashi que me deixaran participar aínda que só fose timidamente ao principio, nun proxecto tan decisivo. Estou convencido de que a educación abre portas e ventás a novas oportunidades dun xeito que outras cousas non conseguirían nunca e penso que isto é especialmente evidente na educación da muller, que ten un efecto profundo sobre toda a comunidade. A oportunidade que se me presentou de ver como funciona e como progresa este proxecto educativo, aínda que só fose durante unha semana, foi o momento culminante da miña viaxe á India.

sexta-feira, 19 de julho de 2013

Unha descrición do meu traballo na Escola Cultural Himalaia


Traballei no centro educativo Himalayan Cultural School durante unicamente tres días: martes, mércores e xoves. De novo, sen embargo, a experiencia deixou en min unha pegada indelébel. Tiven a oportunidade de traballar con diferentes grupos de nenos e nenas e polo tanto de interactuar con rapaces dun amplo abano de idades, dende os moi pequenos, que tiñan moi pouca experiencia como aprendices de inglés, até os maiores, que estudaran a lingua durante anos. Os nenos estaban sumamente agradecidos porque eu viaxara até alí para darlles clase.

Nas miñas clases intentei usar actividades ás que quizais non estaban acostumados, sacándolles do seu ambiente de confort e motivándoos a interactuar coa lingua inglesa de maneira distinta: a través do traballo en grupo, falando diante dos seus compañeiros, facendo presentacións para o resto da clase, expresándose tamén por escrito a través de redaccións curtas, etc.

A experiencia foi tremendamente satisfactoria e incluso despois deses escasos tres días, percibín que estaba tendo certo impacto sobre o alumnado. Respondían moi ben aos meus desafíos, aínda que con certo receo inicial, como era de esperar, e creo que gozaron realmente das clases.

Foi entre clase e clase, cando me sentaba a falar cos raparigos como amigo e non unicamente como profesor, cando observei que a comunicación melloraba aínda máis. Os nenos e nenas tiñan verdadeiro interese por coñecer detalles sobre a miña vida: de onde viña, como era a miña familia, que facía para divertirme. Tamén intentaron aprenderme cousas sobre a súa propia cultura e presentarme como é a súa vida en Gulabgarh. Compracíanse da súa vila e do fermoso contorno e aprendín bastante sobre o lugar grazas a todos eles. As súas ambicións e a súa vitalidade proporcionáronme unha motivación mais para volver á zona nun futuro próximo e así seguir contribuíndo á súa formación.


domingo, 30 de junho de 2013

Conferencia Maxistral con Isabel Allende

"Xa é hora de que as mulleres participemos, en igualdade de condicións, na xerencia do mudo. Somos grandes administradoras e deixáronnos de lado durante séculos..."
"Eu quero unha civilización máis equilibrada, sostible, baseada no respecto por todos nós e no respecto coas especies e respecto polo planeta tamén".

Mellorando a vida das mulleres na India a través do deporte: Yuma


Onte escoitaba a radio e chamoume a atención a reportaxe sobre o proxecto Yuwa, que se está a levar a cabo na India para intentar que rapazas dunha das zonas máis pobres da dese país (a segunda con maior número de mulleres analfabetas) se afasten do matrimonio infantil, o analfabetismo e as agresións sexuais a través do deporte, en concreto do futbol.

Gustaríanos compartir esa reportaxe con vós por interesante e porque nos fixo pensar na experiencia de Alessandro Bordoli en Gulabgarh hai unhas semanas. Alessandro conectou moitísimo co alumnado, especialmente a través do deporte e especificamente a través do fútbol, pois é árbitro e adestrador de fútbol nos Estados Unidos.

Por este motivo, unha idea que lle xurdiu a Tashi foi que Alessandro lle axudase a crear un programa de educación física distinto ao que habitualmente se imparte na Himalyan Cultural School, incorporando o ensino de distintos deportes, incluído o fútbol e, sobre todo, fomentando a deportividade entre os rapaces e rapazas.

E agora, esperamos que gocedes da reportaxe que se emitiu o sábado 29 de xuño no programa "A vivir que son dos días, presentado por Javier del Pino na Cadena SER: 

"El fútbol sirve para mejorar la calidad de vida en su sociedad"


Aquí tedes a ligazón ao trailer da película de "Quiero ser como Beckham" ("Bend It Like Beckham"), que trata sobre como unha rapaza británica de orixe indio, se rebela contra as normas da súa familia tradicional e conservadora, a través do deporte.

O noso voluntario Alessandro

Hoxe queremos presentar a Alessandro, que vai viaxou a Gulabgarh no mes de xuño para coñecer ao noso grupo de mulleres do Proxecto de Alfabetización de Gulabgarh e traballar como voluntario na escola de primaria e secundaria, Himalyan Cultural School.
Emocionámonos por Alessandro, pero tamén polas nosas alumnas.
A continuación transcribimos a entrevista que lle fixemos.

Nome: Alessandro Bordoli
Idade: 23 anos
Orixinario de: Ver Beach, Florida, Estados Unidos
...pero residindo actualmente en España; a razón:
O meu traballo como axudante lingüístico na Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela durante o presente curso académico.
O curso pasado diplomeime en ciencias políticas e economía pola Universidade de Florida. Os meus plans para o futuro son licenciarme como avogado (quizais especializado en dereito internacional) e logo perseguir unha carreira política, pero antes decidín coller un ano sabático ou dous para coñecer lugares distintos e experimentar novas culturas antes de instalarme nunha universidade e rematar os meus estudos. A miña familia é italiana e adoitabamos visitar a nosa familia en Italia todos os veráns, así que puiden viaxar extensamente por Europa e sempre valorei a experiencia internacional.
Ocupación: Axudante lingüístico e cultural – imparto clases sobre a cultura dos Estados Unidos como complemento aos cursos regulares que se ofrecen na escola de idiomas.
Datas de viaxe:
Saída: 5 de xuño, 2013
Estancia en Gulabgarh: Desde o 8 até o 15 de xuño (unha semana máis ou menos traballando na escola e axudando a Tashi)
Tashi vaime recoller en Srinagar (Cachemira) e acompañarame até Gulabgarh, onde pasarei unha semana.
Que o trouxo ao WLP?
Coñecín a Mari de la Fuente este ano, unha compañeira na Escola de Idiomas de Santiago e falamos moito sobre as oportunidades de voluntariado. Sempre lle dediquei bastantes horas ao ano ao voluntariado e sempre busquei novas oportunidades. Tiña un interese concreto en ser voluntario nun programa máis extenso en África ou Asia para este verán, xa que teño o mes de xuño libre. Lamentablemente, a maioría dos programas cobran unhas taxas considerables e iso é algo que dificilmente podo asumir como estudante que son e coa débeda importante que teño asumido para costear os meus estudos universitarios.
Mari mencionou a súa experiencia na India con Tashi e o WLP e pensei que sería perfecto para min. En seguida lle escribín a Tashi e desde o noso primeiro contacto por correo electrónico decateime de que esta era a oportunidade que estaba buscando. Estou entusiasmado con poder viaxar lonxe dos destinos turísticos habituais e encontrarme coa verdadeira cultura desta rexión, tan afastada do meu fogar.
Por que tanto interese neste proxecto?
Encántame facer voluntariado. Meus pais veñen dunha familia moi pobre e acadaron o éxito grazas aos seus esforzos e ao traballo duro, pero inculcaron en nós (os meus 5 irmáns e máis eu) a conciencia de que non todo o mundo foi tan afortunado coma nós. Ensináronnos sempre a devolver o que recibimos para axudar a outras persoas. Esta experiencia en Gulabgarh é especialmente emocionante posto que é internacional e nun lugar onde nunca antes estiven.
Que sintes cando pensas na túa visita?
Emoción, xa que esta é a oportunidade que sempre busquei. En cambio por suposto, sinto o nerviosismo habitual por viaxar a un lugar novo, por facelo só e por visitar unha rexión do mundo que a maioría da xente asocia a unha zona de conflito.
E ti? Tamén che gustaría facerte voluntario?
Envía un correo-e a Tashi: lonpoadventure@yahoo.in

sábado, 4 de maio de 2013

Women's literacy project, Gulabgarh – Sobre como me atoparon a min estas mulleres

-->
¿Oíches falar de Gulabgarh? ¿Onde está? ¿Na India, ao pé do Himalaia? Pero se eu cría que a cordilleira do Himalaia estaba no Tíbet o en Nepal… ¿É que hai montañas na India?
 
Así é como me sentín cando escoitei o nome de Gulabgarh por primeira vez. Eu, que realizaba a miña primeira viaxe á India, non sabía nada sobre ese país: a súa diversidade, as súas cores, a súa cultura, as súas paisaxes e as súas xentes. Unicamente sentía un respecto profundo por el. Unha frase de Michael Obert, un escritor de literatura de viaxes, podería ter sido miña:
“Durante moito tempo, a idea dunha viaxe á India inspiraba medo en min. Non me sentía preparado para o sub-continente e temía que quizais nada bo resultara dilo.”
Hoxe podo dicir que aquel país non me abandonou. Entre tantas outras cousas, o que me fascinou da miña viaxe á India (Rajasthan) foron as súas mulleres: a súa desolación e pobreza, a súa vida sinxela, pero tamén o seu orgullo e a súa sinceridade. É estraño, pero son estas mulleres as que me seguen a acompañar. Fixéronme reflexionar sobre a miña propia vida e a miña sorte como muller. Eu crecín en Alemaña, protexida pola miña familia; recibín unha boa educación, completei os meus estudos universitarios e conseguín un bo traballo.
Nun momento da miña viaxe, Tashi Chering, o meu guía indio, faloume con certa timidez sobre o W.L.P., iniciativa que el fundara. Como resultado dun malentendido lingüístico (si, o meu inglés ten moito que mellorar), pensei nun principio que se trataba dun club de lectura para mulleres (Perdón!) e intereseime tan só de maneira tépeda no proxecto.

Logo, a miña percepción resultou ser un errónea e souben que o WLP era na realidade unha escola para as mulleres de Gulabgarh que lles ofrecía a oportunidade de aprender a ler, a escribir, a realizar operacións matemáticas básicas e incluso a aprender inglés. Localicei Gulabgarh no meu mapa da India e decateime de que moitas das mulleres que vivían na rexión remota de Paddar, onde se atopa Gulabgarh, non recibiran estudos básicos. Todo o que aprendera sobre o proxecto comezaba a ter un novo sentido para min e nese momento souben que podía confiar en Tashi e o seu traballo.
Con todo, non sería mellor apoiar un proxecto que traballe directamente pola educación das nenas? Un proxecto que mire polo futuro das nenas da India?
Pero quen coida das nenas in situ? Quen aprende coas nenas? Quen se asegura de que estas reciban unha educación igual á dos nenos? Quen constitúe o mellor exemplo para estas nenas? E quen educa aos nenos de hoxe, os que mañá serán pais e se encargarán de asegurar que as súas fillas reciban unha boa educación? Sen dúbida, as nais!
Cando me apercibín disto, decidín que quería apoiar o WLP.
Non son feminista, pero creo que as mulleres de todo o mundo debemos estar unidas. E o meu agradecemento é para Tashi, un home que apoia ás mulleres.
Agora as mulleres da India non conseguen desfacerse de min. Incluso na miña última viaxe a aquel país, presentáronme a unha muller extraordinaria.
Setenta e oito anos, o pelo curto e gris, vestida con vaqueiros e tenis, esta muller estudara a carreira de medicina en Londres, exercera como médico en Delhi, tiña 2 fillos e, debido a un “matrimonio malo”, divorciarase do seu home á idade de 40 anos. Lamentablemente, non me quedei co seu nome.
A forza desta muller! Desexaríaa para min mesma e para as mulleres de Gulabgarh.
Saúdos,
Andrea

domingo, 31 de março de 2013

Cooperación na India: Soumya Pande e Carmen de la Fuente, dúas caras da mesma moeda

Grazas, Cristina Negreira, pola túa estupenda reportaxe. Desde o Women's Literacy Project Gulabgarh, felicitámosche por un traballo ben feito e realizado dende unha óptica diferente e esclarecedora. Gustounos moitísimo.

Cooperación na India: Soumya Pande e Carmen de la Fuente, dúas caras da mesma moeda

domingo, 6 de janeiro de 2013

Os outros Reis Magos


Neste día de Reis, deixámosvos co micro-retrato dunha das nosas colaboradoras máis xenerosas e queridas. Non se trata pois, dun rei, senón dunha raíña que nos obsequiou con doazóns que impulsaron o  noso proxecto desde os seus inicios.

Como profesora, Teresa sabe que o analfabetismo está na orixe da desigualdade de xénero na India e que a alfabetización, polo tanto, é clave para o desenvolvemento e a mellora das vidas das mulleres de todo o mundo, pero máis concretamente na India, onde a taxa de analfabetismo entre a poboación feminina é escandalosamente alta.

Coñecemos moi ben a Teresa e por iso somos quen de falar da súa intelixencia e sentido do humor, do seu compromiso coa axuda a aquelas persoas que máis o precisan, tamén aquí no seu propio país. Ela prefería seguir sendo anónima. Nós, en cambio, pensamos que merece esta pequena homenaxe porque a súa xenerosidade merece un recoñecemento no día de Reis - día de agasallos e, nos tempos que corren, de solidariedade.

sábado, 5 de janeiro de 2013

As mulleres indias loitan polo cambio


As estatísticas amosan que as mulleres da India conseguiron importantes logros nos últimos anos, incluída a redución da mortalidade materna e un aumento tanto das taxas de alfabetización como dos niveis de formación. Non obstante, aínda queda moito por facer na loita contra a desigualdade de xénero.
Como resposta ao brutal asalto sexual acaecido en Delhi, xurdiu un movemento de protesta nado, segundo as mulleres que o iniciaron, "da súa indignación diante do feito de que non importa o moito que avancen, nin o duramente que traballen, as mulleres aquí non poderán endexamais participar de maneira plena na promesa dunha India nova e máis próspera, salvo que se produza un cambio fundamental na súa cultura".
Segundo o artigo do N.Y. Times que citamos aquí, "os sociólogos e criminólogos din que os asaltos son o resultado dunhas actitudes misóxinas profundamente arraigadas e da crecente visibilidade das mulleres, apoiadas en tendencias demográficos que persisten no tempo". Estas actitudes deben cambiar. ¿Pero, que podemos facer nós para que cambien?
O Proxecto de alfabetización das mulleres de Gulabgarh sabe que calquera esforzo, por pequeno que sexa, pode contribuír a mellorar a situación das mulleres indias e por iso apoiamos toda medida que axude a acadar esta meta. No noso caso, estas iniciativas comezan coa mellora das taxas de alfabetización entre as mulleres das zonas rurais de Paddar. Entre outras cousas, a alfabetización mellora a autoestima das mulleres e proporciónalles oportunidades para mellorar as súas vidas tanto a nivel persoal como profesional.
Como dato positivo, vemos que este terrible suceso conseguiu unir ás mulleres nun movemento social que demanda maior seguridade para todas as mulleres da India. Esperemos que esta unión sexa duradeira e consiga promover os cambios nas actitudes sociais necesarios para pechar a brecha de xénero.

quinta-feira, 27 de dezembro de 2012

Decenio da ONU da alfabetización a piques de rematar


Este mes de decembro, 2012, remata o Decenio das Nacións Unidas da alfabetización (DNUA), que comezou no ano 2003 baixo o lema "A alfabetización como liberdade". A iniciativa creouse para promover, defender e mellorar a alfabetización entre os nenos, a xuventude e os adultos de todo o mundo. A avaliación dos resultados desta acción someteranse á Asemblea Xeral das Nacións Unidas no vindeiro ano 2013.

sábado, 18 de agosto de 2012

A miña visita á aula de Gulabgarh


A espera foi longa pero por fin conseguimos publicar este vídeo da visita que fixen á aula do proxecto de alfabetización, onde puiden observar de primeira man os avances que estaban a facer as alumnas desta iniciativa.

Estiven encantada e ata me emocionei ao ver que este grupo de mulleres estaba por fin facendo algo por elas mesmas, aínda que iso as obrigase a conciliar as clases con outras tarefas, como atender os seus netos ou fillos. As mulleres nunca deixan de coidar dos demais, a maior parte das veces esquecendo coidar de si mesmas. Non podo deixar de sentir un grande entusiasmo por este proxecto e estou convencida de que os nosos esforzos van lograr que as mulleres aprendan a ler e a escribir. Con isto conseguirase que aumente a súa auto estima e con iso a súa independencia e participación na toma das decisións importantes que afectan á súa familia e, con sorte, á sociedade da cal forman parte.

Por iso cremos que os cambios que se produzan nelas van redundar non só no seu beneficio, senón tamén no seo das súas familias e da súa comunidade. Foi un verdadeiro pracer compartir este curto espazo de tempo con elas e de paso, corrixir os cadernos!

Parabéns para estas loitadoras – as alumnas do Proxecto de Alfabetización das Mulleres de Gulabgarh!