sábado, 21 de abril de 2012

A compaixón e o sentido de comunidade



O Dalai Lama fala da importancia dos valores
internos do amor, a compaixón e o perdón.

Transcribimos aquí unhas frases da súa conferencia que teñen moito que ver coa misión do noso proxecto de alfabetización feminina: a preocupación polos demais e o sentido de comunidade.

"Os cartos e o poder por si solos non son capaces de unir aos seres humanos. O sentido da preocupación polo benestar do outro: esa actitude mental por si soa é o que nos une".

"O futuro de todo individuo depende enteiramente do resto da humanidade. Non importa o poderoso que sexa un individuo, o seu futuro... depende totalmente do resto da comunidade".

domingo, 8 de abril de 2012

Así soa o Ladakhi



Ju-le! significa Ola!, Adeus!, Bo día!, Boa noite! e Grazas! en Ladakhi. Pódese dicir que é o saúdo comodín.

No proxecto de alfabetización WLP pensamos que o idioma Ladakhi merecía unha entrada na nosa bitácora, xa que moitas das nosas alumnas pertencen ao pobo Ladakhi e falan unha ou máis variedades desta lingua. Na escola da WLP (polo de agora), as mulleres “só” aprenden a ler e a escribir en Hindi e Inglés.
 Por outra banda, o alumnado da Himalyan Buddhist School de Gulabgarh (Escola budista do Himalaia) tamén aprende Bhoti, ademais de Hindi e Inglés. Na casa, os rapaces falan unha variante de Ladakhi—normalmente a que se fala na súa aldea. Estas variedades son tan diferentes, que cando estes raparigos chegan a Gulabgarh para estudar, tardan un ano ou dous en poder comunicarse entre si. Con todo, vaia sorte que teñen estes rapaces con aprender tantas linguas!
Como é o idioma Ladakhi e cal é a súa orixe? Para responder a estas preguntas, decidimos compartir a información que atopamos en Wikipedia sobre o Ladakhi, traducida aquí ao galego.
Festival en Leh. Foto de Raúl
"O idioma Ladakhi (Tibetano: ལ་དྭགས་སྐད་, Wylie: La-dwags skad), agora denominado tamén Bhoti, é a lingua predominante na rexión de Ladakh, no estado indio de Jammu e Kashmir e tamén se fala en Baltistan, nas montañas do Karakoram. Ladakhi é moi próximo ao tibetano e os Ladakhis comparten similitudes culturais cos tibetanos, incluído o budismo tibetano.
Hai aproximadamente 200.000 falantes de Ladakhi na India e quizais 12.000 no Tíbet, a meirande parte dos cales reside na rexión chamada Changthang. O idioma consiste en varios dialectos, incluído o Ladakhi propiamente dito (tamén chamado Lehskat polo lugar onde se fala: Leh, a capital de Ladakh), Shamskat, que se fala ao noroeste de Leh, Stotskat, que se fala no surleste do val do Indo e finalmente Nubra, que se fala no norte. As variedades que se usan no alto Ladakh e Zangskar conteñen moitas características do Ladakhi e moitas outras procedentes de dialectos occidentais do tibetano central.
O Ladakhi adoita transcribirse usando a escritura tibetana, sendo a pronuncia do Ladakhi moito máis próxima ao tibetano escrito que a maioría dos dialectos tibetanos."
Por se lles interesa saber a que soa o Ladakhi—polo menos algúns dos 30 sons consonánticos deste idioma—incluímos aquí unha breve presentación realizada en Keynote.

domingo, 1 de abril de 2012

Para Engracia


Mulleres que admirar. Así é Engracia López, unha colaboradora moi querida do WLP. A súa historia é a historia de moitas outras mulleres do mundo: viúva cando aínda era moi nova, foi quen de sacar adiante a súa familia grazas ao seu esforzo persoal.
Esta muller que tanto loitou, coñece o que significa sobrevivir en tempos moi duros. É por iso que comprende ás mulleres de Gulabgarh e o seu afán por aprender, por mellorar, por superarse, por ser apreciadas e por recuperar a súa dignidade.
Aos seus 82 anos, Engracia é unha muller marabillosa que segue aprendendo, participando activamente na sociedade e gozando dos distintos papeis que lle tocou desempeñar ao longo da súa vida: nai, irmán, amiga, veciña, traballadora.
Aprendemos moito de mulleres como ela e queremos compartir ese saber con un grupo de mulleres que comezan agora a comprender, grazas ao WLP, a importancia da súa propia formación, crecemento persoal e participación activa na sociedade na que se desenvolven.
Grazas pola túa axuda, Engracia, e por confiar no traballo do Proxecto de alfabetización das mulleres de Gulabgarh.
Todas as mulleres teñen unha fermosa historia que contar, todas e cada unha delas posúe sabiduría que pode compartir.

sábado, 17 de março de 2012

Unha nota de agradecemento


Recentemente estivemos en Santiago de Compostela con Fernando Ojea, un dos nosos patrocinadores, para concederlle a khata ou hada (pano de seda de tradición tibetana) en agradecemento pola súa xenerosa contribución ao noso proxecto. Aproveitamos a ocasión para poñelo ao día sobre os progresos do WLP durante os últimos meses.
O feito de que contemos con persoas como Fernando demostra que o WLP logrou impulsar a participación activa de cidadáns máis alá das fronteiras da India.
Os nosos colaboradores entenden que é fundamental unir esforzos para axudar a resolver este problema global que tanto afecta á India, unha das economías emerxentes máis importantes e poboadas do mundo. Non pode haber desenvolvemento sen alfabetización, nin crecemento sen a participación activa dos cidadáns sen importar o seu xénero, nin esperanza sen o desenvolvemento persoal da poboación feminina.
Para os que traballamos polo WLP, os seus benefactores non son anónimos, aínda que algúns prefiran permanecer así. É certo que o proxecto está crecendo e que os seus patrocinadores aínda son unha minoría. Por iso, polo de agora resulta sinxelo levar conta dos individuos que contribuíron aos logros das nosas alumnas, así como á continuidade do proxecto. Sen embargo, aínda cando alcancemos cifras importantes de participación, intentaremos agradecer persoalmente o esforzo que cada un dos colaboradores realice por levar adiante esta inciativa de educación.
Grazas Fernando por crer no Proxecto de alfabetización das mulleres de Gulabgarh, por comprometerte coa súa causa e por confiar nos seus esforzos.

terça-feira, 13 de março de 2012

Desenvolvemento inclusivo nas economías emerxentes

Aínda que non é moi recente, non deixa de ser interesante a entrevista con Chanda Kochhar, a directora de ICICI, o banco privado máis importante da India.

Segundo Chanda Kochhar, a concienciación sobre o concepto de "neutralidade de xénero" é cada vez maior nas economías emerxentes como a India, onde o aumento das oportunidades de crecemento supuxo un incremento das oportunidades para as mulleres destes países.

É interesante tamén ver que certos aspectos da cultura tradicional poden coexistir con este novo desenvolvemento económico e incluso axudar a que mulleres e homes traballen máis e mellor xuntos. 

Imaxinemos o que se poderá lograr cando a India chegue ao 100% de alfabetización!

Entrevista en inglés:

domingo, 11 de março de 2012

A nosa nova páxina na web do Día Internacional da Muller (IWD)


 O WLP acaba de crear unha páxina no web dedicado ao Día Internacional da Muller. Como a loita do WLP pola alfabetización feminina non se limita ao día 8 de marzo, pensamos que, aínda que a nova non fose xa tan nova, deberíamos igualmente compartila cos nosos seguidores. Pódese visitar a nosa páxina aquí: http://www.internationalwomensday.com/womensliteracy
Ademais, estamos seguros de que gozarán da presentación creada por Thomson Reuters con motivo da ocasión do Día Internacional da Muller 2012. Son imaxes extraordinarias que captan as vidas de mulleres excepcionais de todo o mundo.

Estatutos do WLP


Os membros do proxecto están redactando, e a piques de rematar, os estatutos do WLP. Entre outros obxectivos, a organización propón desenvolver actividades e deseñar accións conducentes a incentivar, motivar e axudar ás mulleres analfabetas das zonas máis remotas e desfavorecidas de Paddar.
Para acadar os seus obxectivos, o WLP vai centrar os seus esforzos en transformar a actitude da comunidade de Paddar dende o simple recoñecemento deste problema fundamental, cara o seu compromiso na loita contra o analfabetismo feminino e, finalmente, cara a adopción dun papel máis proactivo neste esforzo.
Apoiar á poboación feminina para que comecen un proceso de aprendizaxe que continúe ao longo da súa vida é outro tema clave que o WLP desexa abordar.
No futuro, o proxecto seguirá esforzándose para apoderar as mulleres desta zona rural a través da alfabetización dixital e así reducir as desigualdades por razón de sexo. O WLP cre firmemente que, ao equipar a esta poboación feminina coas competencias necesarias para acadar a alfabetización dixital, contribuirá a reducir a grande fractura dixital existente entre as zonas urbanas e rurais da India.