sábado, 17 de março de 2012

Unha nota de agradecemento


Recentemente estivemos en Santiago de Compostela con Fernando Ojea, un dos nosos patrocinadores, para concederlle a khata ou hada (pano de seda de tradición tibetana) en agradecemento pola súa xenerosa contribución ao noso proxecto. Aproveitamos a ocasión para poñelo ao día sobre os progresos do WLP durante os últimos meses.
O feito de que contemos con persoas como Fernando demostra que o WLP logrou impulsar a participación activa de cidadáns máis alá das fronteiras da India.
Os nosos colaboradores entenden que é fundamental unir esforzos para axudar a resolver este problema global que tanto afecta á India, unha das economías emerxentes máis importantes e poboadas do mundo. Non pode haber desenvolvemento sen alfabetización, nin crecemento sen a participación activa dos cidadáns sen importar o seu xénero, nin esperanza sen o desenvolvemento persoal da poboación feminina.
Para os que traballamos polo WLP, os seus benefactores non son anónimos, aínda que algúns prefiran permanecer así. É certo que o proxecto está crecendo e que os seus patrocinadores aínda son unha minoría. Por iso, polo de agora resulta sinxelo levar conta dos individuos que contribuíron aos logros das nosas alumnas, así como á continuidade do proxecto. Sen embargo, aínda cando alcancemos cifras importantes de participación, intentaremos agradecer persoalmente o esforzo que cada un dos colaboradores realice por levar adiante esta inciativa de educación.
Grazas Fernando por crer no Proxecto de alfabetización das mulleres de Gulabgarh, por comprometerte coa súa causa e por confiar nos seus esforzos.

Sem comentários:

Enviar um comentário