sábado, 5 de janeiro de 2013

As mulleres indias loitan polo cambio


As estatísticas amosan que as mulleres da India conseguiron importantes logros nos últimos anos, incluída a redución da mortalidade materna e un aumento tanto das taxas de alfabetización como dos niveis de formación. Non obstante, aínda queda moito por facer na loita contra a desigualdade de xénero.
Como resposta ao brutal asalto sexual acaecido en Delhi, xurdiu un movemento de protesta nado, segundo as mulleres que o iniciaron, "da súa indignación diante do feito de que non importa o moito que avancen, nin o duramente que traballen, as mulleres aquí non poderán endexamais participar de maneira plena na promesa dunha India nova e máis próspera, salvo que se produza un cambio fundamental na súa cultura".
Segundo o artigo do N.Y. Times que citamos aquí, "os sociólogos e criminólogos din que os asaltos son o resultado dunhas actitudes misóxinas profundamente arraigadas e da crecente visibilidade das mulleres, apoiadas en tendencias demográficos que persisten no tempo". Estas actitudes deben cambiar. ¿Pero, que podemos facer nós para que cambien?
O Proxecto de alfabetización das mulleres de Gulabgarh sabe que calquera esforzo, por pequeno que sexa, pode contribuír a mellorar a situación das mulleres indias e por iso apoiamos toda medida que axude a acadar esta meta. No noso caso, estas iniciativas comezan coa mellora das taxas de alfabetización entre as mulleres das zonas rurais de Paddar. Entre outras cousas, a alfabetización mellora a autoestima das mulleres e proporciónalles oportunidades para mellorar as súas vidas tanto a nivel persoal como profesional.
Como dato positivo, vemos que este terrible suceso conseguiu unir ás mulleres nun movemento social que demanda maior seguridade para todas as mulleres da India. Esperemos que esta unión sexa duradeira e consiga promover os cambios nas actitudes sociais necesarios para pechar a brecha de xénero.

Sem comentários:

Enviar um comentário