domingo, 30 de junho de 2013

O noso voluntario Alessandro

Hoxe queremos presentar a Alessandro, que vai viaxou a Gulabgarh no mes de xuño para coñecer ao noso grupo de mulleres do Proxecto de Alfabetización de Gulabgarh e traballar como voluntario na escola de primaria e secundaria, Himalyan Cultural School.
Emocionámonos por Alessandro, pero tamén polas nosas alumnas.
A continuación transcribimos a entrevista que lle fixemos.

Nome: Alessandro Bordoli
Idade: 23 anos
Orixinario de: Ver Beach, Florida, Estados Unidos
...pero residindo actualmente en España; a razón:
O meu traballo como axudante lingüístico na Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela durante o presente curso académico.
O curso pasado diplomeime en ciencias políticas e economía pola Universidade de Florida. Os meus plans para o futuro son licenciarme como avogado (quizais especializado en dereito internacional) e logo perseguir unha carreira política, pero antes decidín coller un ano sabático ou dous para coñecer lugares distintos e experimentar novas culturas antes de instalarme nunha universidade e rematar os meus estudos. A miña familia é italiana e adoitabamos visitar a nosa familia en Italia todos os veráns, así que puiden viaxar extensamente por Europa e sempre valorei a experiencia internacional.
Ocupación: Axudante lingüístico e cultural – imparto clases sobre a cultura dos Estados Unidos como complemento aos cursos regulares que se ofrecen na escola de idiomas.
Datas de viaxe:
Saída: 5 de xuño, 2013
Estancia en Gulabgarh: Desde o 8 até o 15 de xuño (unha semana máis ou menos traballando na escola e axudando a Tashi)
Tashi vaime recoller en Srinagar (Cachemira) e acompañarame até Gulabgarh, onde pasarei unha semana.
Que o trouxo ao WLP?
Coñecín a Mari de la Fuente este ano, unha compañeira na Escola de Idiomas de Santiago e falamos moito sobre as oportunidades de voluntariado. Sempre lle dediquei bastantes horas ao ano ao voluntariado e sempre busquei novas oportunidades. Tiña un interese concreto en ser voluntario nun programa máis extenso en África ou Asia para este verán, xa que teño o mes de xuño libre. Lamentablemente, a maioría dos programas cobran unhas taxas considerables e iso é algo que dificilmente podo asumir como estudante que son e coa débeda importante que teño asumido para costear os meus estudos universitarios.
Mari mencionou a súa experiencia na India con Tashi e o WLP e pensei que sería perfecto para min. En seguida lle escribín a Tashi e desde o noso primeiro contacto por correo electrónico decateime de que esta era a oportunidade que estaba buscando. Estou entusiasmado con poder viaxar lonxe dos destinos turísticos habituais e encontrarme coa verdadeira cultura desta rexión, tan afastada do meu fogar.
Por que tanto interese neste proxecto?
Encántame facer voluntariado. Meus pais veñen dunha familia moi pobre e acadaron o éxito grazas aos seus esforzos e ao traballo duro, pero inculcaron en nós (os meus 5 irmáns e máis eu) a conciencia de que non todo o mundo foi tan afortunado coma nós. Ensináronnos sempre a devolver o que recibimos para axudar a outras persoas. Esta experiencia en Gulabgarh é especialmente emocionante posto que é internacional e nun lugar onde nunca antes estiven.
Que sintes cando pensas na túa visita?
Emoción, xa que esta é a oportunidade que sempre busquei. En cambio por suposto, sinto o nerviosismo habitual por viaxar a un lugar novo, por facelo só e por visitar unha rexión do mundo que a maioría da xente asocia a unha zona de conflito.
E ti? Tamén che gustaría facerte voluntario?
Envía un correo-e a Tashi: lonpoadventure@yahoo.in

Sem comentários:

Enviar um comentário