sábado, 10 de dezembro de 2011

Por que centrar os nosos esforzos en reducir o analfabetismo?



Cremos que a seguinte cita pode responder á nosa pregunta:

"Cando as persoas se convencen de que poden mellorar as súas vidas a través do seu propio esforzo, cando se dan conta de que perderon outra nova oportunidade por mor do seu analfabetismo, daquela aprenderán a ler, escribir e contar".

Edgar Owens And Robert Shaw, Development Reconsidered: bridging the gap between government and People

domingo, 4 de dezembro de 2011

"Ler segue sendo a base do coñecemento"


Interesante artigo que ten relación co que comentaba nun estudo sobre o analfabetismo entre a poboación adulta na India (technorati.com): ese gran país enfróntase a dous problemas, ámbolos dous fundamentais: o analfabetismo "tradicional" e o analfabetismo dixital. Aínda sendo este último unha das claves do desenvolvemento na actual sociedade da información, parece ter razón o xornalista cando di que "ler segue sendo a base do coñecemento".

terça-feira, 29 de novembro de 2011

Coñece o Devanagari?

Para aprender a ler e escribir, as alumnas do WLP teñen que aprender tanto o alfabeto inglés como o hindi, coñecido como Devanagari. Intentaríao tamén vostede? Eu xa estou practicando e por iso descubrín esta estupenda web: Devanagari Script Tutor.

Os habitantes da illada vila de Gulabgarh aínda non teñen acceso a internet, por iso as alumnas só poden practican a escritura Devanagari como sempre se fixo, con papel e lapis.

segunda-feira, 28 de novembro de 2011

Historia de María


Gulabgarh
Este verán gocei doutras 7 semanas na India, traballando unha vez máis como profesora voluntaria de inglés no colexio H.C.S., na localidade de Gulabgarh. Non só iso, senón que ademais tiven a sorte de poder convivir con estas xentes tan hospitalarias.
Entre outras actividades, asistín a unha clase do grupo de alumnas do proxecto de alfabetización, coas que compartín un delicioso te con doces típicos da India. A benvinda foi moi especial, pois, como xa comentei nunha nova anterior, as alumnas e as súas familias están agradecidísimas por este xesto.
Unha tarde de agosto, na casa onde me aloxaba pedíronme que falase coas mulleres alí reunidas, especialmente coas que aínda non participaban no proxecto, para intentar motivalas a que se incorporasen. Ocorréuseme contarlles a historia da miña avoa María—coa axuda, por suposto, de Tashi Chering!
A casa de meus bisavós en Lendo
A miña avoa María naceu en 1902, nunha pequena aldea chamada Lendo. Era incriblemente forte e tenaz, unha muller intelixente e aventureira, que tiña un soño: viaxar algún día a Buenos Aires. Daquela non existían colexios na zona, pero María estaba decidida a educarse a si mesma. Aprendeu a ler e a escribir pola súa conta, para poder entender as cartas que enviaban os seus irmáns, que emigraran á Arxentina.
Así pois, esta moza autodidacta acabou sendo unha especie de escribán local, que axudaba os seus veciños e veciñas léndolles as cartas que recibían dos seus familiares, emigrantes nas terras arredadas de Arxentina ou incluso dos Estados Unidos e, durante a guerra civil, aquelas que lles escribían as nais aos seus fillos, as mozas aos seus mozos e as mulleres aos seus homes na guerra. Estas lecturas conseguían reunir familiares e veciños na casa de meus bisavós, onde compartían as bágoas e tamén as risas co que ás veces se dicía naquelas cartas. Despois da súa lectura, miña avoa escribía as respostas dos familiares. Saber ler e escribir era evidentemente importante para miña avoa, unha muller que viviu durante acontecementos tan tráxicos como a guerra civil española e o período da posguerra.
Non sei se lograría inspirar as mulleres de Gulabgarh coa historia da miña avoa María, pero elas si conseguiron conmoverme a min cos logros que acadaron desde que comezou este proxecto. Animáronme a seguir apoiando este proxecto que tanto me entusiasma.
O futuro destas mulleres, desta economía emerxente que é a India, depende do desenvolvemento de comunidades rurais e illadas como esta. Teño a esperanza de que este país poida algún día presumir de ter unha porcentaxe de alfabetización do 100%.


Nas vindeiras entradas, gustaríanos contarlles aos nosos lectores algunha das historias destas valentes alumnas do proxecto.

domingo, 27 de novembro de 2011

Grazas!


Esta é unha homenaxe a todos aqueles que contribuíron a facer realidade este proxecto.
Grazas por dedicar uns minutos das vosas vidas a reflexionar sobre as vidas dun grupo de mulleres nun país tan distante como é a India. Grazas por contribuír co que podiades a facer que a alfabetización, a dignidade e a autoestima fosen unha realidade para estas mulleres. Grazas por intentar que as súas vidas—o seu mundo—sexan mellores.
Grazas ao persoal de la EOI de Santiago de Compostela, a Engracia, Esperanza, Fernando O., Gonzalo, Isabel, Lola, Sabela,Teresa e a todos os que quixeron apadriñar este proxecto desde o anonimato. Grazas!

Estudo sobre o analfabetismo na India

A India é un dos oito países con maior taxa de analfabetismo do mundo. Dos 793 millóns de adultos analfabetos existentes no mundo, dous terzos son mulleres. Recentemente publiquei un artigo sobre estes datos tan sorprendentes en technorati.com.

Ligazón ao artigo completo (en inglés): Study: Women's Literacy in India Falling Further Behind (technorati.com)

domingo, 10 de abril de 2011

Como nace un proxecto

Noutra bitácora miña, comentaba que colaboro nuns proxectos que non me deixan tempo para gozar do verán en Caión. Nesta entrada vou describir as dúas iniciativas nas que participo.

O primeiro deles xurdiu como unha proposta de Tashi Chering, un guía e montañeiro de Gulabgarh, unha vila pequena situada no estado de J&K, na India. Eu coñecín a Tashi na expedición que fixemos un grupo de amigos no ano 2007 ao val de Spiti. Propúxome traballar como profesora de inglés voluntaria nun colexio da súa vila durante un mes. Aceptei, e así foi como pasei as miñas vacacións do verán pasado. A miña experiencia, a convivencia coa xente dese lugar foi marabillosa.
Cando marchaba da vila, pensei que non só precisaban axuda os nenos e nenas de Gulabgarh, senón que tamén as súas nais merecían que alguén fixese un esforzo por elas xa que elas esfórzanse por asegurar que os seus fillos e fillas reciban a formación que elas nunca tiveron. Comenteino con Tashi e xurdiu a idea de comezar un proxecto de alfabetización das mulleres do lugar, pois a gran maioría dos pais e nais dos meus alumnos eran analfabetos e as mulleres, como é de imaxinar, son as máis desfavorecidas.
Foi unha sorte poder contar cunha persoa de confianza en Gulabgarh que se entusiasmase coa idea. Agora Tashi Chering dirixe o proxecto, que comezou cunhas 25 alumnas en novembro do 2010. Grazas á contribución dunha profesora da EOI de Santiago e de varios amigos e coñecidos, púidose alugar un local, contratar a unha mestra e mercar o material necesario para que as mulleres poidan comezar a aprender. Hai pouco, outra contribución do claustro da mesma EOI axudou a que as clases continuasen uns meses máis. Estou moi ilusionada pero máis o están as mulleres de Gulabgarh e tamén tremendamente agradecidas. Agora o importante é que esta iniciativa teña continuidade.
Para máis información, pode contactar comigo ou con Tashi Chering, a través da súa web lonpoadventures.com