segunda-feira, 28 de novembro de 2011

Historia de María


Gulabgarh
Este verán gocei doutras 7 semanas na India, traballando unha vez máis como profesora voluntaria de inglés no colexio H.C.S., na localidade de Gulabgarh. Non só iso, senón que ademais tiven a sorte de poder convivir con estas xentes tan hospitalarias.
Entre outras actividades, asistín a unha clase do grupo de alumnas do proxecto de alfabetización, coas que compartín un delicioso te con doces típicos da India. A benvinda foi moi especial, pois, como xa comentei nunha nova anterior, as alumnas e as súas familias están agradecidísimas por este xesto.
Unha tarde de agosto, na casa onde me aloxaba pedíronme que falase coas mulleres alí reunidas, especialmente coas que aínda non participaban no proxecto, para intentar motivalas a que se incorporasen. Ocorréuseme contarlles a historia da miña avoa María—coa axuda, por suposto, de Tashi Chering!
A casa de meus bisavós en Lendo
A miña avoa María naceu en 1902, nunha pequena aldea chamada Lendo. Era incriblemente forte e tenaz, unha muller intelixente e aventureira, que tiña un soño: viaxar algún día a Buenos Aires. Daquela non existían colexios na zona, pero María estaba decidida a educarse a si mesma. Aprendeu a ler e a escribir pola súa conta, para poder entender as cartas que enviaban os seus irmáns, que emigraran á Arxentina.
Así pois, esta moza autodidacta acabou sendo unha especie de escribán local, que axudaba os seus veciños e veciñas léndolles as cartas que recibían dos seus familiares, emigrantes nas terras arredadas de Arxentina ou incluso dos Estados Unidos e, durante a guerra civil, aquelas que lles escribían as nais aos seus fillos, as mozas aos seus mozos e as mulleres aos seus homes na guerra. Estas lecturas conseguían reunir familiares e veciños na casa de meus bisavós, onde compartían as bágoas e tamén as risas co que ás veces se dicía naquelas cartas. Despois da súa lectura, miña avoa escribía as respostas dos familiares. Saber ler e escribir era evidentemente importante para miña avoa, unha muller que viviu durante acontecementos tan tráxicos como a guerra civil española e o período da posguerra.
Non sei se lograría inspirar as mulleres de Gulabgarh coa historia da miña avoa María, pero elas si conseguiron conmoverme a min cos logros que acadaron desde que comezou este proxecto. Animáronme a seguir apoiando este proxecto que tanto me entusiasma.
O futuro destas mulleres, desta economía emerxente que é a India, depende do desenvolvemento de comunidades rurais e illadas como esta. Teño a esperanza de que este país poida algún día presumir de ter unha porcentaxe de alfabetización do 100%.


Nas vindeiras entradas, gustaríanos contarlles aos nosos lectores algunha das historias destas valentes alumnas do proxecto.

Sem comentários:

Enviar um comentário