sábado, 5 de maio de 2012

A "khata"

Supoñemos que os nosos lectores se estarán preguntando por que as persoas que contribuíron ao proxecto de alfabetización aparecen nas fotos cun fular de seda de cor amarela. Lembren que a maior parte das alumnas do WLP pertencen á comunidade budista de Gulabgarh e estes fulares de seda forman parte da súa tradición. Agora lle explicamos por que.


Ofrecer un fular de seda ou khata é unha antiga tradición dos budistas tibetanos que se segue respectando hoxe en día. A khata (tamén escrita kata ou katag) concédese ao inicio dunha nova relación (ben sexa familiar, de amizade ou incluso empresarial) como un símbolo de boa vontade. Preséntase en todo tipo de acontecementos relixiosos e políticos, en casamentos, nacementos, funerais e en calquera ocasión que se considere merecedora desta ofrenda. Moitas veces a entrega dunha khata sinala un cambio ou transición especialmente importante na vida dunha persoa.
 

As khatas preséntanse a Buda, a mestres espirituais e a obxectos de devoción. Por iso é moi común que a xente as coloque nos altares e nos obxectos que os adornan. Tamén se cre que traen boa sorte. Ademais, podémolos ver acompañando as bandeiras de oración budistas, a miúdo nos pasos de montaña. É unha sensación marabillosa recibir unha khata cando, despois de tanto esforzo, por fin consegues chegar á cima dunha montaña!


Os fulares tradicionais adoitan ser de seda branca ou marfil con mantras ou símbolos impresos ou bordados na tela. Ademais da seda, tamén se emprega o algodón, así como outras telas para fabricar as khatas e atopámolas noutras cores como o azul, vermello, verde, amarelo e ouro.

Nós quixemos obsequiar aos benefactores do WLP con unha khata en sinal da nosa máis profunda e sincera gratitude. Considérase un honor recibir este símbolo de boa bondade e beneplácito.

Como anécdota curiosa, dirémoslles que cando Barak Obama xuraba o seu cargo como presidente dos EU, levaba no seu peto unha khata bendita polo Dalai Lama. 

Fontes:
http://www.buddhachannel.tv/portail/spip.php?article13812
http://www.indiga.org/tibet/tb_costums.php
http://EzineArticles.com/3167725
http://www.tibetanprayerflag.com/products.php?cat=5 

Sem comentários:

Enviar um comentário