Traballei no centro
educativo Himalayan Cultural School durante unicamente tres días: martes,
mércores e xoves. De novo, sen embargo, a experiencia deixou en min unha pegada
indelébel. Tiven a oportunidade de traballar con diferentes grupos de nenos e
nenas e polo tanto de interactuar con rapaces dun amplo abano de idades, dende
os moi pequenos, que tiñan moi pouca experiencia como aprendices de inglés, até
os maiores, que estudaran a lingua durante anos. Os nenos estaban sumamente
agradecidos porque eu viaxara até alí para darlles clase.
Nas miñas clases
intentei usar actividades ás que quizais non estaban acostumados, sacándolles
do seu ambiente de confort e motivándoos a interactuar coa lingua inglesa de
maneira distinta: a través do traballo en grupo, falando diante dos seus
compañeiros, facendo presentacións para o resto da clase, expresándose tamén
por escrito a través de redaccións curtas, etc.
A experiencia foi
tremendamente satisfactoria e incluso despois deses escasos tres días, percibín
que estaba tendo certo impacto sobre o alumnado. Respondían moi ben aos meus
desafíos, aínda que con certo receo inicial, como era de esperar, e creo que
gozaron realmente das clases.
Foi entre clase e
clase, cando me sentaba a falar cos raparigos como amigo e non unicamente como
profesor, cando observei que a comunicación melloraba aínda máis. Os nenos e
nenas tiñan verdadeiro interese por coñecer detalles sobre a miña vida: de onde
viña, como era a miña familia, que facía para divertirme. Tamén intentaron
aprenderme cousas sobre a súa propia cultura e presentarme como é a súa vida en
Gulabgarh. Compracíanse da súa vila e do fermoso contorno e aprendín bastante
sobre o lugar grazas a todos eles. As súas ambicións e a súa vitalidade
proporcionáronme unha motivación mais para volver á zona nun futuro próximo e
así seguir contribuíndo á súa formación.