sexta-feira, 19 de julho de 2013

Unha descrición do meu traballo na Escola Cultural Himalaia


Traballei no centro educativo Himalayan Cultural School durante unicamente tres días: martes, mércores e xoves. De novo, sen embargo, a experiencia deixou en min unha pegada indelébel. Tiven a oportunidade de traballar con diferentes grupos de nenos e nenas e polo tanto de interactuar con rapaces dun amplo abano de idades, dende os moi pequenos, que tiñan moi pouca experiencia como aprendices de inglés, até os maiores, que estudaran a lingua durante anos. Os nenos estaban sumamente agradecidos porque eu viaxara até alí para darlles clase.

Nas miñas clases intentei usar actividades ás que quizais non estaban acostumados, sacándolles do seu ambiente de confort e motivándoos a interactuar coa lingua inglesa de maneira distinta: a través do traballo en grupo, falando diante dos seus compañeiros, facendo presentacións para o resto da clase, expresándose tamén por escrito a través de redaccións curtas, etc.

A experiencia foi tremendamente satisfactoria e incluso despois deses escasos tres días, percibín que estaba tendo certo impacto sobre o alumnado. Respondían moi ben aos meus desafíos, aínda que con certo receo inicial, como era de esperar, e creo que gozaron realmente das clases.

Foi entre clase e clase, cando me sentaba a falar cos raparigos como amigo e non unicamente como profesor, cando observei que a comunicación melloraba aínda máis. Os nenos e nenas tiñan verdadeiro interese por coñecer detalles sobre a miña vida: de onde viña, como era a miña familia, que facía para divertirme. Tamén intentaron aprenderme cousas sobre a súa propia cultura e presentarme como é a súa vida en Gulabgarh. Compracíanse da súa vila e do fermoso contorno e aprendín bastante sobre o lugar grazas a todos eles. As súas ambicións e a súa vitalidade proporcionáronme unha motivación mais para volver á zona nun futuro próximo e así seguir contribuíndo á súa formación.


Sem comentários:

Enviar um comentário