Non tiven a
oportunidade de impartir aulas ás mulleres participantes no Proxecto de
alfabetización (Women’s Literacy Project), mais si tiven o enorme pracer de
coñecelas durante unha comida que organizaron no bosque de Gulabgarh, o venres
antes da miña partida. Senteime con elas durante bastante tempo e, aínda que
existía unha evidente barreira lingüística, de algún xeito conseguimos
comunicármonos.
Unha das mulleres, coa
axuda dunha profesora que nos acompañaba, díxome que o que máis lle gustaría no
mundo sería poder comunicarse comigo, expresar o seu sentir e falarme da súa
vila, da súa vida e do seu desexo de aprender a ler e a escribir, algo que por
desgracia non fora quen de facer. Ese foi un momento conmovedor para min e un
que xamais esquecerei.
As mulleres expresáronme
o seu agradecemento pola miña visita á vila e a súa acollida agarimosa fixo que
me sentise como se estivera na miña casa. Estas alumnas comprácense da súa cultura,
pero amosan un forte desexo de continuar cos seus estudos no futuro coa
esperanza de poder acadar a alfabetización básica. As súas historias conmovéronme
e a súa dedicación e a súa tenacidade fixeron que me entusiasmase cos grandes
avances acadados polo Proxecto de alfabetización de Gulabgarh. É unha
organización consagrada, fundamentalmente, a mellorar as condicións de vida
destas mulleres e agradézolles a Mari, Andrea e Tashi que me deixaran
participar aínda que só fose timidamente ao principio, nun proxecto tan
decisivo. Estou convencido de que a educación abre portas e ventás a novas oportunidades
dun xeito que outras cousas non conseguirían nunca e penso que isto é
especialmente evidente na educación da muller, que ten un efecto profundo sobre
toda a comunidade. A oportunidade que se me presentou de ver como funciona e
como progresa este proxecto educativo, aínda que só fose durante unha semana,
foi o momento culminante da miña viaxe á India.

Sem comentários:
Enviar um comentário