domingo, 8 de abril de 2012

Así soa o Ladakhi



Ju-le! significa Ola!, Adeus!, Bo día!, Boa noite! e Grazas! en Ladakhi. Pódese dicir que é o saúdo comodín.

No proxecto de alfabetización WLP pensamos que o idioma Ladakhi merecía unha entrada na nosa bitácora, xa que moitas das nosas alumnas pertencen ao pobo Ladakhi e falan unha ou máis variedades desta lingua. Na escola da WLP (polo de agora), as mulleres “só” aprenden a ler e a escribir en Hindi e Inglés.
 Por outra banda, o alumnado da Himalyan Buddhist School de Gulabgarh (Escola budista do Himalaia) tamén aprende Bhoti, ademais de Hindi e Inglés. Na casa, os rapaces falan unha variante de Ladakhinormalmente a que se fala na súa aldea. Estas variedades son tan diferentes, que cando estes raparigos chegan a Gulabgarh para estudar, tardan un ano ou dous en poder comunicarse entre si. Con todo, vaia sorte que teñen estes rapaces con aprender tantas linguas!
Como é o idioma Ladakhi e cal é a súa orixe? Para responder a estas preguntas, decidimos compartir a información que atopamos en Wikipedia sobre o Ladakhi, traducida aquí ao galego.
Festival en Leh. Foto de Raúl
"O idioma Ladakhi (Tibetano: ལ་དྭགས་སྐད་Wylie: La-dwags skad), agora denominado tamén Bhoti, é a lingua predominante na rexión de Ladakh, no estado indio de Jammu e Kashmir e tamén se fala en Baltistan, nas montañas do Karakoram. Ladakhi é moi próximo ao tibetano e os Ladakhis comparten similitudes culturais cos tibetanos, incluído o budismo tibetano.
Hai aproximadamente 200.000 falantes de Ladakhi na India e quizais 12.000 no Tíbet, a meirande parte dos cales reside na rexión chamada Changthang. O idioma consiste en varios dialectos, incluído o Ladakhi propiamente dito (tamén chamado Lehskat polo lugar onde se fala: Leh, a capital de Ladakh), Shamskat, que se fala ao noroeste de Leh, Stotskat, que se fala no surleste do val do Indo e finalmente Nubra, que se fala no norte. As variedades que se usan no alto Ladakh e Zangskar conteñen moitas características do Ladakhi e moitas outras procedentes de dialectos occidentais do tibetano central.
O Ladakhi adoita transcribirse usando a escritura tibetana, sendo a pronuncia do Ladakhi moito máis próxima ao tibetano escrito que a maioría dos dialectos tibetanos."
Por se lles interesa saber a que soa o Ladakhi—polo menos algúns dos 30 sons consonánticos deste idioma—incluímos aquí unha breve presentación realizada en Keynote.

Sem comentários:

Enviar um comentário