domingo, 29 de abril de 2012

Un novo rostro. Outra nota de agradecemento.

Hoxe querémoslle presentar a Isabel, outra das nosas patrocinadoras e alguén que apreciamos moitísimo. Isabel é unha muller traballadora, que quere contribuír á alfabetización das mulleres de Gulabgarh--unhas mulleres que non coñece, pero polas que sinte empatía. Ela comprende e síntese identificada coas mulleres desa vila tan afastada da súa propia Galicia natal, porque comparte con elas a súa loita persoal por superarse, por axudar a sacar adiante a súa familia e por participar nas responsabilidades e decisións que a afectan. Isabel é unha muller que apreciamos e admiramos.

Loitadora, Isabel foi avanzando tamén profesionalmente a través da súa vontade e desexo por aprender e prosperar. Foi adquirindo uns coñecementos e sabedoría que só se obteñen do estudo e da experiencia e empregounos para mellorar a súa formación e a súa vida. Posto que Isabel é consciente da importancia da aprendizaxe ao longo da vida, continúa colectando e ampliando eses coñecementos. De feito, agora estase preparando para poder optar a un posto de traballo nos servizos de sanidade. Os que a coñecemos sabemos que a difícil situación actual que vivimos en España non a vai desanimar e que vai seguir o camiño elixido. En todo caso, se ese camiño se pechase, estamos seguros de que buscaría--e atoparía--outro mellor. Para nós ela é un exemplo de fortaleza, afán de superación e optimismo.

Grazas, Isabel, por crer no WLP e por axudarnos a traballar polo empoderamento das mulleres de Gulabgarh a través deste proxecto de alfabetización.

Sem comentários:

Enviar um comentário